24 mayo, 2024
A Banda de Música Municipal de Santiago (BMSC) inaugura o seu terceiro ciclo de concertos da tempada, que se desenvolverán ata o próximo día 27 de xullo, coincidindo coas Festas do Apóstolo. En total, a BMSC ofrecerá nove concertos ao aire libre para un público variado, a través dun ciclo que comezará o xoves 30 de maio ás 21 horas na Catedral co concerto «Dende a lembranza», en memoria do trombonista Dani Portas, falecido en febreiro pasado.
A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, e o director da BMSC, David Fiuza, presentaron ea programación deste terceiro ciclo da tempada 2023-2024, titulado ‘Postais’ e que terá lugar durante os meses de maio, xuño e xullo.
Louzao destacou que co programa ‘Postais’, «propoñemos en cada concerto unha viaxe a algún lugar do mundo a través da súa música, pechando coa volta a casa cunha proposta de música galega».
Para este novo ciclo, a concelleira tamén subliñou a «cooperación e sinerxias» da BMSC con diversas institucións, como as Xornadas de Música Contemporánea de Compostela, o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, o Congreso Nacional da Asociación Española de Tubas e Bombardinos, o Galicia Clarinet Fest, a Escolanía da Catedral de Santiago e a Agrupación Folclórica Colexiata de Sar. Ademais, contarán cun nutrido elenco de artistas convidados, incluíndo a Gabriel Alonso, Uxía Carreira, Antonio Romero Cienfuegos, Rafael Yebra, Tormod Flaten, José Luis Vázquez, José Manuel Vázquez, Xocas Meijide, Emilio Alonso Espasandín, Joao Pedro Santos e Ana San Martín.
Dentro da programación, Louzao tamén resaltou a «estrea absoluta de obras sinfónicas dos compositores galegos Xosé Carlos Seráns Olveira, Fernando Ruibal e Federico Mosquera».
A Banda Municipal tamén ofrecerá concertos extraordinarios no barrio de San Pedro, na Colexiata de Sar e en Lalín. Ademais, acollerá como residencias convidadas os concertos do ensamble do Congreso Nacional AETYB e o ensamble do Galicia Clarinet Fest.
Este terceiro ciclo iniciarase o xoves 30 de maio ás 21 horas no Teatro Principal, cun concerto extraordinario na Catedral, interpretando o Requiem de Fauré con solistas e coro, dedicado á memoria de Dani Portas. A programación continuará ao longo de xuño e culminará o 27 de xullo cun concerto de despedida ao aire libre na Praza da Quintana, coincidindo coas Festas do Apóstolo