10 junio, 2024
As circunstancias e o contexto que envolvían a celebración do Consello de Goberno da USC deste luns predicían unha xornada intensa, pero o vivido superou por moito calqueira expectativa cando un grupo dunha veintena de persoas encarrapuchadas pertencentes á Asamblea por Palestina irrumpiu esta mañá no reitorado da propia USC, encerrándose no edificio para reclamar á institución a ruptura total de relacións con Israel e entidades vinculadas ao sionismo.
Foi en torno ás 14,30 horas, coa reunión case finalizada, cando o grupo accedeu ao recinto por unha ventá da planta baixa do Pazo de San Xerome, poñendo un candado na porta principal do recinto. Así, mentres un grupo bloqueou cunha sentada o acceso a unha das entradas laterais do edificio, outros dedicaron proclamas contra a Universidade dende dita ventá de cara á mesma Praza do Obradoiro.
Dende a asamblea sinalan que o rexeite da propia USC ás súas reivindicacións, sumada á negativa do propio Consello á participación de dous portavoces da plataforma no mesmo motivou a «okupación» e o encerro no reitorado, o cal aínda continúa xunto cunha convocatoria que congrega a estas mesmas horas a varias ducias de persoas frente ao propio Pazo.
Por contra, dende a Universidade falan dunha irrupción «violenta» por parte dos manifestantes, algo que estes negan de plano, a cal «impediu a finalización do Consello de Goberno, órgano democrático do goberno universitario, así como o normal desenvolvemento das actividades propias da Reitoría compostelá».
Nun comunicado, a institución destacou que «o persoal do edificio puido abandonar o edificio sen incidencias, así como os integrantes do Consello de Goberno», así como que «actualmente, o edificio está ocupado de forma parcial por este mesmo grupo».
Por outra parte, o Consello tamén deu conta do acordo para «apoiar o manifesto do equipo de goberno en relación á situación en territorio palestino e reafirma así a postura da USC, recollida na declaración institucional aprobada polo Claustro a finais do pasado ano 2023».
«Por práctica unanimidade, o órgano colexiado acordou tamén constituír este martes unha comisión de traballo para o desenvolvemento das accións contempladas na postura institucional da USC en relación a este tema e recollidas no mencionado manifesto. Neste senso, a USC insta o Estado de Israel a deter o xenocidio practicado contra o pobo palestino e declarar un alto o fogo inmediato e permanente ademais de denunciar a destrución das universidades e institucións educativas palestinas na franxa de Gaza e os ataques de calquera tipo contra as comunidades universitarias. Na mesma liña, comprométese a intensificar as relacións de colaboración coas universidades palestinas, a non manter ningún tipo de relación científica ou académica nin tampouco económica con universidades e institucións israelís que non asuman explicitamente os compromisos acordados na USC», sinala dito comunicado.