20 junio, 2024
A Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración coa Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE) a través do grupo de traballo da Sectorial de Secretarías Xerais, acolle este xoves 20 e venres 21 as III Xornadas de delegados e delegadas de Protección de Datos de Universidades Españolas.
As xornadas inauguráronse hoxe na Facultade de Dereito, nun acto presidido polo reitor Antonio López Díaz, e no que tamén participaron a secretaria xeral da USC e presidenta do Grupo de Traballo de Protección de Datos da CRUE, Dulce Mª García Mella; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño Iglesias, e o letrado oficial maior do Parlamento de Galicia, Xosé Antón Sarmiento Méndez.
Nas súas intervencións, os participantes sinalaron como nunha sociedade crecente e disruptivamente dixitalizada faise imprescindible crear espazos de discusión para reflexionar sobre os novos desafíos aos que deben enfrontarse as administracións públicas, especialmente as universidades.
Por esta razón, as xornadas comezaron examinando o impacto potencial da implementación de sistemas de Intelixencia Artificial no ámbito universitario, prestando especial atención ás implicacións sobre o dereito á protección de datos persoais. Analizarase o impacto da intelixencia artificial neste campo, destacando os puntos clave do Regulamento de IA, a necesidade de desenvolver estes sistemas atendendo a principios éticos e os retos que a súa utilización presenta na investigación.
Na xornada de hoxe xoves, analizouse tamén, desde unha perspectiva teórico-práctica, como deben realizarse as avaliacións de impacto no ámbito universitario.
Xa o venres 21, segundo día das xornadas que se desenvolverán no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, dedicarase ao estudo e debate de dúas cuestións de gran relevancia actual: a necesidade de garantir unha adecuada protección aos datos persoais comunicados a través dos canais de denuncias das universidades, de acordo coa Lei 2/2023, e a aplicación do novo Esquema Nacional de Seguridade na comunidade universitaria.
Nesta cita participan numerosos expertos de universidades de todo o Estado, así como representantes da Representación Permanente de España ante a UE para a Transformación Dixital, do CSIC, da Axencia Española de Protección de Datos e do Centro Criptolóxico Nacional-CERT.
As xornadas, tituladas «A protección de datos na Universidade ante os retos da Intelixencia Artificial e da ciberseguridade. Unha análise dende a protección dos dereitos fundamentais», clausuraranse este venres ás 13.30 horas no Salón Nobre de Fonseca, nun acto presidido pola secretaria xeral da USC, Dulce María García Mella, a secretaria da Comisión Delegada do Grupo de Traballo de DPD de CRUE-Secretarías Xerais, Margarita Martínez-Pais Loscertales, e o delegado de Protección de Datos da USC e coordinador das xornadas, Marcos Almeida Cerreda.