21 junio, 2024
Máis de 20 anos de traballo do artista Armin Linke, a partir da observación das investigacións realizadas en grandes infraestruturas experimentais como o CERN, Laboratori Nazionali di Gran Sasso (L’Aquila, Italia), ou o Institute for Quantum Optics and Quantum Information (IQOQI), de Innsbruck (Austria) dan vida a ‘Instrumentos de visión’, unha mostra que o propio artista presentou esta mañá na Igrexa da Universidade.
Froito da colaboración do IGFAE con Arts at CERN, o programa de arte da Organización Europea para a Investigación Nuclear, co gallo do 25º aniversario do IGFAE e os 70 anos da fundación do CERN, esta mostra está comisariada pola compostelá Mónica Bello, directora desde 2015 de Arts at CERN, e permanecerá aberta ata o próximo día 28 de agosto.
Nesta liña, Armin Linke detallou o deseño expositivo creado exclusivamente para este proxecto, presentando a Igrexa da Universidade «como un elemento propio, como unha escenografía teatral», relacionándoa co obxectivo que persegue nos experimentos de física de partículas. «O que me interesa cando entro nun laboratorio é velo como un palco escénico teatral, onde os científicos procuran elementos moi pequenos da natureza», resumiu.
O director do IGFAE, Carlos Salgado, destacou a aposta do centro polo diálogo entre arte e ciencia. «Isto xorde da curiosidade e do interese pola arte dentro do IGFAE, ademais da vontade de abrir novas canles de comunicación coa sociedade». Agradeceu tamén a Mónica Bello e Armin Linke por aceptar o convite do IGFAE para participar neste proxecto, nun marco tan excepcional como a Igrexa da Universidade.
Pola súa banda, Mónica Bello explicou que «estamos acostumados a traballar en espazos pouco convencionais para a arte. Agora traemos o laboratorio a unha igrexa barroca, o que ten un significado especial en Santiago, onde o barroco é moi importante».
INSTRUMENTOS DE VISIÓN
A exposición reflexiona sobre como, nas últimas décadas, a combinación de grandes avances técnicos e achados científicos «revolucionaron a nosa percepción do espazo, o tempo e a materia», segundo destaca a comisaria Mónica Bello. Grazas a estes progresos, a comunidade científica desenvolveu complexos instrumentos que permiten desvelar o funcionamento dos elementos máis fundamentais da materia.
No singular marco da Igrexa da Universidade, a proposta de Armin Linke convida ao público, a través de 16 obras, a achegarse a estes espazos de investigación, captando a dinámica dos laboratorios de física de partículas. Deste xeito, ‘Instrumentos de Visión’ reflexiona tamén sobre o modo no que a ciencia non é un esforzo solitario. «Ao contrario, vese como un empeño colectivo no que interveñen actores humanos e contornas socialmente entrelazadas, comprendidas polo persoal investigador, os instrumentos, os artefactos e os materiais de laboratorio», salienta Mónica Bello.
Este proxecto enmárcase na aposta realizada nos últimos anos polo ArtLab do IGFAE, co obxectivo de abrir novos espazos de conexión coa sociedade e fomentar unha investigación e innovación responsables. Así, ‘Instrumentos de Visión’ contribúe ao diálogo entre a arte contemporánea e as liñas de investigación do IGFAE.
OUTRAS ACTIVIDADES
Este sábado 22 de xuño, ás 12.00 horas, terá lugar no Centro Galego de Arte Contemporánea a conversa ‘A ciencia e a condición contemporánea’, na que participarán Armin Linke, Mónica Bello e Carlos Salgado. Ademais, durante o período de apertura da exposición, organizaranse visitas guiadas abertas ao público xeral, ás que se poderá acceder previa inscrición. Estas visitas comezarán o martes 25 de xuño, e continuarán os días 16 e 23 de xullo e 20 e 27 de agosto, en horario de 19.00 a 20.00 horas.