María José Ginzo coa directora da súa tese, a profesora Rosa Crujeiras, diante da facultade compostelá de Matemáticas
31 mayo, 2024
O traballo ‘Técnicas estatísticas en xeolingüística. Modelización onomástica’, da profesora axudante doutora do Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización da USC, María José Ginzo Villamayor, acaba de gañar o III Premio Sociedade Internacional de Humanidades Dixitais Hispánicas-Fundación BBVA á Mellor Tese Doutoral 2023.
Para a concesión do premio, o xurado valorou na tese a exploración de novos métodos estatísticos para o estudo da onomástica, a partir da análise das relacións entre a estrutura demográfica e social das poboacións e a organización espacial e histórica da diversidade lingüística. O traballo aborda unha problemática concreta de onomástica, como é a construción de rexións de apelidos en Galicia, aplicando modelos de patróns espazo-temporais extrapolables a outras rexións.
Tamén se valorou que a tese combina o manexo dun gran volume de datos de diversos territorios de España coa visualización cartográfica. Ademais, ofrece unha biblioteca en código aberto das técnicas aplicadas na súa investigación, permitindo a replicabilidade do estudo e a reutilización da ferramenta por parte da comunidade científica.
O xurado, presidido pola catedrática de Literatura Española da Universitat de València, Teresa Ferrer, estivo composto pola profesora do Departamento de Filoloxías Estranxeiras e as súas Lingüísticas da UNED, Iria da Cunha; a coordinadora do Grao en Enxeñaría en Organización Industrial da Universidade Internacional de La Rioja, María Luisa Díez Platas; o catedrático de Historia Contemporánea da USC, Lourenzo Fernández; a profesora de Xeografía Humana da Universidade de Estremadura, Ana Nieto; a profesora dos Estudos de Artes e Humanidades da Universitat Oberta de Catalunya, Joana María Pujadas; e o director do Museo de Belas Artes de Bilbao, Miguel Zugaza.