28 mayo, 2024
O xurado do VII Premio de Investigación sobre o Camiño de Santiago e das Peregrinacións 2024, organizado pola Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da USC co apoio de Turismo de Galicia, seleccionou como gañadora a tese de doutoramento «Caminhos que se cruzam. A assistência aos peregrinos e viaxeiros no Norte de Portugal: as Misericórdias (séculos XVII e XVIII)», defendida por Liliana Andreia Valente Neves no Instituto de Ciencias Sociais da Universidade do Minho, Portugal, no pasado ano 2023. Na convocatoria deste ano, recibéronse traballos de España, Portugal, Polonia e Brasil.
Valente, licenciada, mestra e doutora en Historia pola Universidade do Minho, e investigadora colaboradora do Lab2PT/IN2PAST, aborda a relevancia das Misericórdias, institucións dedicadas á asistencia social da poboación en tránsito nos séculos XVII e XVIII no Norte de Portugal. O seu estudo, financiado por unha bolsa da Fundación para a Ciencia e Tecnoloxía en Portugal, analiza as estratexias e a importancia destas institucións nun contexto de viaxes e peregrinacións, no período moderno, cando as viaxes eran verdadeiros desafíos.
Esta explica que, ao longo da súa investigación, procurou entender tanto o contexto histórico no que se desenvolvían as viaxes e peregrinacións como o papel das Misericórdias na asistencia aos viaxeiros, ofrecendo axuda en diversas formas. O seu estudo pretendeu aumentar o coñecemento sobre a relación entre as Misericórdias e a poboación en tránsito, especialmente as capas máis desfavorecidas, consultando documentación en arquivos de Misericórdias portuguesas e españois.
“É sobre ese mundo das viaxes e peregrinacións que nos inclinamos, nun primeiro momento, procurando entender o contexto en que se movía a poboación analizada, así como as crenzas e os acontecementos que influenciaron a caridade practicada, desde a realidade das peregrinacións na Época Moderna, ao ascenso das romarías, ás motivacións para viaxar, ás dificultades ao longo das xornadas, ao impacto da Reforma Protestante e da Contrarreforma católica, nas mentalidades”, indicou a autora, quen lembra que “a relixión era unha realidade indisociable do cotián neste período”.
“Non sempre foi pacífico acoller nos seus edificios os peregrinos e viaxeiros, aínda que as Santas Casas se esforzasen por lles prestar este xénero de auxilio, dada a situación de desamparo en que se encontraba a poboación flutuante. Estas institucións eran, en moitos casos, un porto seguro onde o camiñante encontraba o descanso e conforto necesarios non só ao seu corpo, mais tamén á súa alma. Por último, procuramos caracterizar os asistidos polas Misericórdias, avaliando, cando foi posible, a súa proveniencia, o destino, as profesións, o estatuto social, as motivacións existentes para os seus periplos, entre outras informacións, fornecidas polas fontes”, engadiu.
Pola súa banda, o xurado estivo composto por Miguel Taín Guzmán, catedrático de Historia da arte da USC e director da Cátedra do Camiño; María José Azevedo Santos, catedrática da Facultade de Letras da Universidade de Coímbra, membro do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e codirectora da Cátedra; así como Daniel C. Lorenzo Santos, director da Fundación Catedral de Santiago de Compostela e codirector da Cátedra.