27 julio, 2024
A Xunta de Galicia lembra a necesidade de protexerse fronte aos efectos do sol durante o verán e invita á cidadanía a desfrutar das praias dunha forma segura e responsable. Así o salientaron hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, no areal de Boa Grande, en Noia, onde estiveron acompañados pola dermatóloga Sabela Rodríguez.
Ademais de estar adherida ao programa de comunicación de risco neste eido da Organización Mundial da Saúde e da Organización Mundial de Meteoroloxía, Galicia conta con cinco medidores da radiación, cuxos datos se ofrecen en tempo real na páxina web de MeteoGalicia, o que nos sitúa como “unha das comunidades que monitoriza de xeito máis completo esta cuestión”, aseverou a conselleira.
Esta medición ofrece á cidadanía información actualizada e de utilidade dos concellos e das praias para coñecer o índice de radiación ultravioleta ao longo do día e saber cando a exposición é menos perigosa para a saúde.
Gómez Caamaño salientou que a Sanidade pública galega conta con diversos recursos para atender o cancro de pel, unha enfermidade que na actualidade ocupa o primeiro posto no ranking de tumores con maior incidencia entre a poboación caucásica, e que se estima que desenvolverán preto do 50% das persoas maiores de 65 anos.