9 mayo, 2024
A presentación desta nova iniciativa correu a cargo de Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica; Rocío González, representante de Mirabelle Comunicación, que se encarga da realización do evento; Daniela Filloy Posada, profesora e instrutora de baile moderno, danzas urbanas, pilates e ioga, e integrante do xurado Baila con Ames; e Magaly Balsa Vilas, profesora e instrutora de bailes latinos e integrante do xurado Baila con Ames. O concurso está organizado polo Concello de Ames e conta coa colaboración da Asociación de Empresarios Novo Milladoiro e da Xuntanza de Empresarios de Ames. (XEA).
Para inscribirse no Baila con Ames hai que presentar no rexistro municipal os impresos de inscrición. Tamén hai que enviar un vídeo casting ao enderezo de correo electrónico amesnarua@gmail.com.
O prazo de inscrición estará aberto dende o día seguinte da publicación das bases do concurso no BOP e ata o 10 de xuño. Establécense dúas categorías: individual ou parellas; e grupos de 3 a 12 anos. Non hai límite de idade para participar. Repartiranse 2.500 euros en premios. Haberá unha fase de preselección no Milladoiro o 21 de xuño e a final farase en Bertamiráns o 31 de agosto na pista de deportes da praza de Chavián. O cartel foi elaborado pola veciña de Ames, Mireya Vilas Vilacoba, de 9 anos de idade.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destacou que “faime moita ilusión a creación deste concurso porque é algo que xa tíñamos pensado dende hai dous anos, para darlle continuidade ao concurso de Cana con Ames que xa levamos celebrando dende 2021. Sei que hai moita xente en Ames e na súa contorna que lles gusta bailar polo que penso que vai ser un certame que vai a traer a moitas persoas ao noso concello para participar neste concurso”. Ademais agradeceulle a Mireya Vilas Vilacoba a elaboración do cartel do concurso. “Mireya en 9 anos e ao igual que no concurso de Cana con Ames, neste caso tratamos de involucrar aos nenos e nenas do noso concello para que nos deseñen o cartel do concurso. Este cartel é moi significativo porque Mireya quixo destacar que todas as persoas poden participar neste certame. É un concurso inclusivo no que todo o mundo ten cabida”.
Ana Belén Paz tamén explicou que “este certame pretende dinamizar o sector comercial focalizando a atracción de posibles consumidores nas principais rúas comerciais, en colaboración coas asociacións empresariais máis representativas do concello. A finalidade e incrementar o consumo no comercio local atraendo a un maior número de persoas ao concello de Ames”.
Por outra banda, Rocío González, representante de Mirabelle Comunicación, que se encarga da realización do evento, dixo “fainos moita ilusión involucrarnos nesta outra andaina, temos o Canta con Ames, pero fomos detectando que entre a xente que nos visitaba para participar no Canta con Ames, tamén hai moitas persoas ás que lles gusta bailar e que tiñan esta demanda, polo que cantas máis iniciativas se poida celebrar moito mellor. Para poder participa hai que cumprir unha serie de requisitos. As inscricións poderán tramitarse dende o día seguinte ao de publicación das bases no BOP e ata o 10 de xuño. Unha vez feito o trámite de inscrición haberá que enviar copia do impreso de inscrición rexistrado xunto cun vídeo no que se acheguen unhas nocións do que se pretende facer ao longo do concurso”.
Por último, interviron dúas das tres persoas que integran o xurado. Daniela Filloy Posada, profesora e instrutora de baile moderno, danzas urbanas, pilates e ioga, e integrante do xurado Baila con Ames, destacou que “é un proxecto no que nos fai moita ilusión participar, no cal a través da danza adultos e nenos/as poden mostrar a súa esencia, porque a danza é un xeito de comunicarse e de expresarse. É unha lingua que se entende en calquera lugar do mundo. Poden participar persoas de todas as localidades de Galicia e de fóra. É un concurso totalmente inclusivo, tal e como se pode apreciar no cartel. Por parte do xurado imos a valorar moito a orixinalidade e maila formación dos grupos, a creatividade da coreografía, a técnica de cada bailarín/a, a expresión corporal e facial, o ritmo, a soltura e mailo dinamismo na creación coreográfica”.
Magaly Balsa Vilas, profesora e instrutora de bailes latinos e integrante do xurado Baila con Ames, expresou a sua satisfacción pola posta en marcha deste concurso “porque tiven que traballar moito aquí en Ames coa tema do baile. Comecei a dar clases en 1992 con catro ou cinco parellas e chegaron a xuntarse 150 parellas ao longo destes anos. Animo a todas as persoas que lles gusta o baile a que se inscriban nesta iniciativa, que serve para darlle visibilidade e poñer en valor a disciplina do baile”.