5 abril, 2024
O obradoiro infantil de cociña organizado hai unhas xornadas polo Concello e que se celebrou no CODI reuniu a un total de trinta e cinco cativos de diferentes idades que elaboraron as súas propias bicas de Pascua.
Os participantes, convertidos en cociñeiros por un día, prepararon a masa empregando como ingredientes fariña, manteiga e fermento. Durante un tempo deixárona levedar para que quedara máis esponxosa e, despois, déronlle a forma que quixeron aos seus doces. Moitos optaron pola tradicional forma circular á que colocaron un ovo no centro e outros empregaron moldes para darlles aspecto de bolboretas, por exemplo.
Os doces metéronse no forno e, unha vez listos, chegou o momento de decoralos con lascas de chocolate, azucre e outros produtos.