5 agosto, 2024
Esta fin de semana, a nova Lonxa de Ribeira acolleu a tradicional Misa en honra á Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros e da Armada. A emotiva Eucaristía, presidida polo arcebispo de Santiago, Monseñor Francisco José Prieto, e acompañada de varios sacerdotes da parroquia e da diocese, lembrou aos falecidos no mar, con mencións especiais ao Argos Georgia e aos homes e mulleres xubilados.
Entre os asistentes, atopábanse o conselleiro de Mar, Alfonso Villares, o alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, o senador Manuel Ruiz, membros da corporación e centos de veciños. Por primeira vez, instaurouse unha ofrenda, que nesta ocasión foi realizada polo xornalista Antón Luaces, coñecido polo seu programa radiofónico “Españoles en la mar” e pola súa traxectoria na histórica Radio Riveira, a primeira emisora parroquial de Galicia. Luaces enxalzou o labor das mulleres no mar, e a súa ofrenda foi respondida polo arcebispo de Santiago.
Unha das novidades deste ano foi a homenaxe a mariñeiros xubilados, que recibiron unha insignia, entre eles o sogro do capitán do Argos Georgia.
O acto contou coa presenza do alcalde Luís Pérez, acompañado polo senador Manuel Ruiz, membros da Corporación e o ex-alcalde José Luís Torres Colomer, así como representacións do exército do aire e a policía local.
Posteriormente, realizouse a tradicional procesión marítima e o acto relixioso concluíu cunha procesión polas rúas de Ribeira ata a Igrexa Parroquial.