1 agosto, 2024
Onte, a Conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, visitou o río Ulla ao seu paso polos concellos de Vedra e Boqueixón, onde acompañou a varias crianzas que participan nunha formación sobre pesca fluvial dentro do programa “Correntes do Ulla”. A visita, con todo, xa xerou unha importante polémica.
Desde o colectivo Ulla Viva, cuestionan que a Conselleira realice este tipo de visitas como un lavado de cara, intentando destacar as actividades arredor do río Ulla mentres permite a ameaza que representan as empresas Altri e Greenalia.
Segundo Ulla Viva, “a Consellaría de Medio Ambiente ten nas súas mans parar ese proxecto de macrocelulosa que tanto dano faría ao río Ulla”. O colectivo asegura que a Consellería pode detelo denegando a captación de augas solicitada por Altri e informando negativamente o Estudo de Impacto Ambiental.
O colectivo considera que a Conselleira, «pretendendo unha normalidade que non existe», fai esta visita «de xeito hipócrita». Engaden que «descoñecemos se lles explicou ás crianzas ás que se dirixiu que esa actividade de pesca para a que agora se están formando quizais nuns anos non sexa posíbel facela no Ulla”. Indican que se a macrocelulosa de Altri-Greenalia se instala en Palas de Rei, a afectación ao río Ulla será enorme, podendo supoñer unha importante degradación do río e diminuír drasticamente o número de individuos de moitas das especies que o habitan.
Por este motivo, Ulla Viva lémbralle a Ángeles Vázquez que “é Conselleira de Medio Ambiente e, polo tanto, ten a obriga de protexer o entorno e, nomeadamente, o río Ulla” e exixen que “o primeiro que debería facer é denegar a autorización de captación de augas para a pasteira”.