31 julio, 2024
As festas do Apóstolo sempre teñen unha morea de visitantes, fogos, concertos e espectáculos para todas as idades. Porén, cada ano que pasa o Festigal -organizado pola militancia do BNG- colle máis forza e aumenta a capacidade. Este ano, por mor do cambio de localización notouse de forma moi sinxela como medrou. Lucia Veciño, da Fundación Galicia Sempre e organizadora do evento, destaca que atoparon “un salto cuantitativo” a partir do ano 2022, tras dous anos de pausa pola imposibilidade de ofrecer as instalacións necesarias da normativa Covid.
Para quen non se puido achegar ao Campus Sur o pasado 24 de xullo, hai que recalcar que o evento foi moito máis grande só polo feito de que tiña unha forma de acceder, con seguridade e un pequeno traxecto ata o palco, que se achegaba máis a idea estética e de espazo dun festival ca dun concerto, o que ten sentido se partimos da base de que eles crean un Festi(g)al. Lucía comenta que a este cambio de lugar xa lle tiñan botado o ollo tempo atrás, para así favorecer esta idea máis afastada dos concertos que se poden dar ao longo do ano na zona superior do estanque.
O cartel da noite do día 24 contou con nomes moi populares entre a mocidade: Filloas, gañador deste ano do VIII concurso dos Novos Valores; Deninghures; Mondra, e Rebeliom do Inframundo. Para poder acceder a eles, había una entrada única situada onde nas anteriores edicións atopabamos o escenario, para logo percorrer o campus ata a pista de hóckey. Foodtrucks e aglomeracións que che facían sentir que estabas nun festival de música comercial.
“Non, nós facémolo todo con militancia do BNG, exceptuando certos servizos de produción, é auto-xestionado, cunha comisión reducida e moitos voluntarios” aclara Lucía. “Naceu para ser a festa do día da patria, pero é certo que existe a sensación de magnitude polo cambio de situación. Porque así tamén ten máis aspecto de festival, ao carón da Carballeira como unha romaría”:
«Non considero que vaia cubrir ese espazo, nós non competimos coa programación das festas do Apóstolo, o Festigal é un complemento. O Festigal foi referencia para nacionalistas e agora tamén para toda a xente”
“Queremos ser escaparate da cultura galega. Unha festa para todos os galegos, non nos diriximos a xente cunha ideoloxía concreta. Moitas persoas descobren o festival grazas á boa saúde da que goza a música en galego actual. Pódese achegar quen queira, nós buscamos ser unha ferramenta para facer país”.