28 julio, 2024
O Rumboia Viva celebrou onte a súa segunda edición no campo de festa de Gontán. Unha iniciativa impulsada pola Asociación Xuvenil, Cultural e Deportiva do Concello de Abadín, que contou cun cartel con grupos do panorama musical galego de moito nivel: Mondra, Familia Caamgno, Lontreira e Grande Amore.
Tras unha tarde de obradoiros, xogos e postos artesanais a noite comezou entrar ao igual ca chuvia. Mais as gotas que empapaban aos asistentes non foron obstáculo para gozar dunha noite de troula. Cabe destacar que a maioría estaban ben protexidos cos puchos verdes do merchandasing do propio festival.
Para todo o que se viña, a xente botoulle o pico ao pastelón e deixou a carteira no ‘bochinche’. Hai que admitir que a organización fixo un grande esforzo para ofrecer augas, refrescos e bebidas espirituosas a custo de 2018, con prezos populares de verdade, isto é algo que leva sen suceder nun festival preto de Santiago moito tempo. Polo que había que achegarse ata alí, a máis de 120 quilómetros.
E así fixeron moitos que encheron a praza da vila dende todas as partes de Galicia
Fregona e papel de cociña foron as ferramentas principais para preparar o palco para Mondra e os seus bailaríns. Unha proposta que xa coñece Galicia enteira pero gusta a nenos e maiores. Movementos sincronizados que fan que o seu cantante destaque como se fose unha diva do pop dende fai anos.
A familia máis italiana de Sigüeiro foi a encargada de poñer rock and roll e facer bailar ao público. Os Familia Caamagno conseguiron animar o ambiente ata o último segundo rematando o seu concerto cun tremendo pogo. Todo isto foi un claro quencemento para o que esperaba con Lontreira, que como non, puxo ao campo da festa a bailar.
As barras non pararon de servir cacharros durante os concertos, na súa segunda edición o Rumboia Viva superaba números de asistentes a pesar da chuvia, que deixou respirar moi poucas veces durante todo o festival.
E por fin chegaba Grande Amore, ben querido pola xente alí presente e pola organización, cantando a toda mecha parte do seu repertorio, facendo que o público non parase de dar chimpos. E aínda que faltaron algunhas cancións, incluso do seu derrradeiro disco, a falta de tempo non lle foi un impedimento para agradecer ao Rumboia Viva da mellor maneira posible: cantando a Rumboia Viva.
Todo o seguinte foi historia, pero a xuventude rematou a festa no campo de fútbol da vila ata as tantas da mañá. Se é que non quedou ninguén alí bailando co DJ.