26 julio, 2024
O Concello da Baña organiza un campamento en Forcarei do 26 de agosto ao 4 de setembro para menores de entre 8 e 16 anos. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o venres 2 de agosto.
Coa finalidade de facilitar a conciliación familiar e laboral durante as vacacións escolares e ofrecerlle alternativas de lecer á rapazada, o Concello da Baña promove un campamento de dez días de duración na localidade pontevedresa de Forcarei. Este campamento levarase a cabo dende o luns 26 de agosto ata o mércores 4 de setembro e poderán participar no mesmo rapazas e rapaces de entre 8 e 16 anos.
O campamento terá un prezo xeral de 140 euros. No caso de irmáns, o segundo pagará 105 euros o terceiro 70 euros. As familias con rendas inferiores a dúas veces o IPREM contarán con bonificacións e pagarán 40 euros por un fillo, 30 euros polo segundo e 25 polo terceiro.
O prezo inclúe aloxamento no campamento xuvenil Pontemaril de Forcarei, manutención e actividades. A rapazada estará en todo momento baixo a supervisión de monitores. Os traslados de inicio e final do campamento correrán por conta dos participantes.
As solicitudes formalizaranse coa presentación no rexistro da Baña, preferiblemente por sede electrónica. A solicitude incluirá a ficha de inscrición debidamente cuberta, así como os anexos médico e de autorización de imaxes. Estes documentos acompañaranse do DNI do menor ou do Libro de Familia, así como da tarxeta sanitaria.
Terán preferencia as nenas e nenos de familias empadroadas na Baña e os menores que sexan fillos de persoal municipal.
Pode solicitarse máis información no departamento municipal de Cultura chamando ao teléfono do Concello da Baña 981 886 501.