26 julio, 2024
A Casa do Cabido recibiu hoxe ao seu visitante número 300.000 desde a súa inauguración como espazo expositivo en 2012: Andrés Roberto Medina Blanco, quen chegou desde Colombia e foi recibido por Belén Hernández Lafuente, xerente do Consorcio de Santiago, e Juan Conde Roa, responsable de publicacións do Consorcio, recibindo ademáis, xunto coa súa acompañante Ángela Liliana Blanco Ortegón, un lote de publicacións do Consorcio.
«A meirande parte dos 300.000 visitantes recibidos durante estes anos foron autóctonos, de Santiago de Compostela, seguidos de persoas doutras zonas de Galicia e, en terceira posición, de visitantes procedentes de Madrid. Tamén chegaron persoas de diferentes países europeos, maiormente de Francia e de Alemaña, e mesmo visitantes doutros continentes, destacando os procedentes de Asia, en especial de Xapón e de Filipinas. O perfil de visitante é dun individuo de entre 35 e 55 anos, cun lixeiro predominio das mulleres sobre os homes», destacou o Concello nun comunicado.
O ano 2023 foi o que máis visitantes recibiu, con 50.746 persoas, establecendo un novo récord, destacando entre as exposicións máis destacadas figuran «Lorca en Compostela» (2023-2024), «Santiago proxectado: arquitecturas non construídas» (2023-2024), e a recentemente clausurada «Lousas dun mesmo mundo» (2024), unha mostra fotográfica de Denís Estévez. Actualmente, a exposición en curso é «Ksado. Iconas de Galicia», que estará aberta ata novembro.
Ao longo da súa traxectoria, o emblemático edificio situado na praza de Praterías acolleu 54 exposicións temporais de diversas temáticas relacionadas coa cultura galega, destacando especialmente as exposicións fotográficas.
Entre elas, destacan «Memorias do Café Derby (1929-2020)», «Dobre Quadratura» con obras de Lois Patiño e Jorge Perianes, «A paisaxe e a súa pegada I e II», «Parafernalia» con obras de César Lombera, «Rostros, debuxos e caricaturas» de Carlos Maside, «Picheleir@s» comisariada por Mercedes Pintos, e varias máis, incluíndo «Camilo Otero, raíces de Compostela», «Ramón Sánchez Estalote: memoria dun tempo», «Compostella dicitur. A cidade da catedral», «Rúas de Compostela. De onte a hoxe» e «Memoria de Compostela».