26 julio, 2024
A reunión constitutiva do Consello Científico marcou esta semana o inicio das actividades do Instituto de Psicoloxía da USC (IPsiUS), unha nova estrutura orientada á coordinación e colaboración na investigación básica e aplicada en Psicoloxía. Desde o seu lanzamento en 2024, a estratexia científica do IPsiUS enfróntase a tres retos fundamentais: promover a saúde e o benestar, desenvolver sociedades inclusivas e diversas, e contribuír á sociedade dixital e á sustentabilidade. O instituto abrangue áreas que van desde o fomento do envellecemento saudable até as ferramentas dixitais para a intervención psicolóxica, pasando pola atención á vulnerabilidade psicosocial e a resiliencia, as cales están «firmemente orientadas ao benestar das persoas e das comunidades», subliña Isabel Fraga Carou, directora e catedrática da área de Psicoloxía Básica da USC.
O Consello Científico do IPsiUS, ademais da directora do Instituto, está composto por Coqui Rodríguez Holguín (secretaria), Mónica Alzate García, Elisardo Becoña Iglesias, Luis Jiménez García, Arturo X. Pereiro Rozas, Estrella Romero Triñanes, Montserrat Zurrón Ocio e Laura López Romero. Entre as súas funcións, atópanse a programación das actividades científicas, docentes e de asesoramento técnico do Instituto, así como a supervisión da súa execución.
Neste senso, a estratexia do IPsiUS para o período 2024-2027 estrutúrase en catro eixes principais: Desenvolvemento institucional, Investigación, Talento e Transferencia. «Durante a etapa inicial dun novo centro de investigación, é prioritario establecer as estruturas de goberno e xestión necesarias para tomar as decisións estratéxicas e operativas que permitan cumprir a súa misión e visión», explica a profesora Fraga. Ademais, outra prioridade será desenvolver unha axenda alineada cos principais retos sociais e as políticas científicas a nivel estatal e internacional. «O obxectivo é realizar investigación de excelencia, combinando perspectivas básicas e aplicadas, e aproveitando as sinerxías e logros previos dos grupos que forman o instituto, para incrementar o seu impacto científico e social», engade a directora.
O IPsiUS tamén aspira a crear un entorno atractivo para o desenvolvemento de carreiras investigadoras, situando o instituto como unha «referencia na promoción do talento científico». Este obxectivo inclúe a promoción da equidade de xénero, visibilidade, conciliación e a inclusión da perspectiva de xénero na actividade investigadora. Finalmente, as liñas de traballo do instituto presentan un amplo potencial de transferencia e innovación, creando servizos, produtos e ferramentas de avaliación e intervención que poidan ser utilizados por profesionais de distintos ámbitos e mellorar as actuacións das administracións en desafíos sociais como o envellecemento, a saúde mental, as adiccións, a violencia e a inclusión social. «Os grupos que forman o instituto xa teñen experiencia na transferencia da investigación á sociedade a través de convenios, contratos, acordos de licenza de comercialización de produtos, servizos asistenciais, formación e asesoramento de profesionais», explica a profesora Fraga. Esta experiencia servirá como base para reforzar o traballo conxunto do centro, facendo da transferencia un piar esencial para que a ciencia xerada no instituto, ademais de ser de alta calidade, responda efectivamente ás necesidades do contorno.