26 julio, 2024
Despois de oito anos promovendo a subtitulación en galego de charlas e vídeos TED de ciencias da saúde a través do concurso #TEDSaúde, este ano o Servizo de Normalización Lingüística da USC amplía o foco e abre o certame á subtitulación de vídeos TED de divulgación científica en calquera ámbito, cambiándolle o título a #traduceTED.
Calquera persoa pode así presentarse ao concurso, que conta con dúas modalidades de participación: a modalidade A está reservada para o estudantado, PDI ou PAS da USC durante o ano 2024, mentres que a modalidade B está aberta a persoas adultas alleas á USC. Para participar, cómpre subtitular ao galego cando menos unha charla ou vídeo TED de divulgación científica a través da plataforma que emprega TED.com. Ademais, as persoas inscritas na modalidade A poderán participar nun obradoiro de formación sobre o manexo da aplicación empregada para subtitular.
Para participar, é necesario inscribirse no concurso entre o 15 de xullo e o 27 de setembro. Unha vez recibida a inscrición, Normalización achegará a información necesaria para elixir unha ou varias charlas coas que concursar e comezar a subtitulalas.
Os mellores traballos de subtitulación en cada modalidade recibirán un dos seguintes premios: na modalidade A, o primeiro premio será de 300 euros, o segundo de 250 e o terceiro de 200, ademais dun diploma honorífico para cada un. Na modalidade B, o primeiro premio será de 300 euros e o segundo de 250, con diploma honorífico para ambos.
O prazo de entrega das subtitulacións remata o 31 de outubro, mentres que un xurado valorará os traballos presentados e elixirá os merecentes de premio en cada modalidade, tendo en conta os criterios explicitados na convocatoria.