26 julio, 2024
As salas do Museo de Historia Natural (MHN) da USC acollen este verán unha exposición temporal sobre os plásticos nos océanos, aberta ao público con entrada de balde ata finais de setembro. Esta mostra pretende sensibilizar sobre este problema medioambiental, resaltando a importancia das xigantes masas de auga e advertindo sobre o impacto negativo das actividades humanas sobre elas.
A exposición consta de cinco paneis informativos e unha vitrina que contén o material estomacal dun cifio (Ziphius cavirostris) varado na Coruña no ano 2023, cedido pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), como testemuño do devastador impacto dos plásticos na vida mariña.
O horario de visita para esta e outras mostras do MHN é de martes a sábado de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.30 horas, e os domingos en horario de mañá. A partir do 14 de setembro, o museo abrirá polas mañás ás 10.00 horas, aínda que este permanecerá pechado os días 15, 16, 17 e 18 de agosto.