25 julio, 2024
– O 25 de xullo e, quizáis, a data mais emblemática do ano en Santiago. Que significado ten para vostede?
Para min o 25 de Xullo é o punto temporal mais significativo do noso Pais: Galicia. É o momento no que todos os que sentimos e levamos Galicia con nós, vaiamos e esteamos onde sexa, estamos en identificación plena coa nosa forma de ser, de vivir e de estar no mundo.
– Ao marxe da xornada institucional, festiva e da ofrenda real, que supón o símbolo do Apóstolo e canto se asocia a súa figura?
A figura do Apóstolo Santiago é, sen lugar a dúbidas, unha parte fundamental de Compostela. Por dicilo doutro xeito, o Apóstolo forma parte inseparable da “marca” Santiago de Compostela. Agora ben, na miña opinión, hai que entender que, como “marca” ten tamén diversidade de enfoques. Algúns poden estar relacionados entre si, como poden ser as compoñentes relixiosa e a turística. E outros que, dada a coincidencia temporal da celebración, poderian entenderse como competidores á hora de acadar o foco da atención mediática se pensamos na compoñente relixiosa (Compostela como cidade e o Cristianismo) fronte á compoñente social e política de Galicia como país.
– Cre que en lugar de viaxar a Roma, agora todos ós camiños levan a Santiago?
Eu non diría tanto. É certo que Compostela é un foco de atención importante pola identificación co Apóstolo Santiago, pero non é Roma. Santiago pode ser o destiño de moitos camiñantes e peregrinos, pero eu non diría que Santiago e a figura do Apóstolo son competidores de Roma como destiño, nen no relixioso, nen no turístico.
– Esta xornada tamen ten asociada unha forte connotación política. Identifícase con ela?
Se se entende como “connotación política” o feito de que o 25 de Xullo é a xornada recoñecida institucionalmente como o día de Galicia, teño que dicir que si. Como galego, sen dúbida de ningún tipo, síntome identificado con Galicia no día de Galicia. Como xa dixen en resposta a unha pregunta anterior, a coincidencia temporal da festividade relixiosa de Santiago co día de Galicia non axuda. No peor dos casos é usada con intencionalidade, creando intereses contrapostos de competición por ter o foco mediatico ou incluso por relativizar outras formas nas que os galegos e galegas entendemos e valoramos o día do noso País.
– Vivimos nunha sociedad polarizada de todos contra todos, en que medida esta data pode axudar a unir antes que a batallar?
Sen dúbida a data debería de servir para que todos e todas os que somos e nos sentimos galegos estiveramos, pese a outras diferencias que poideramos ter, unidos no sentimento de comunidade e País. No mundo globalizado e uniformizante que nos toca vivir, temos que estar orgullosos de reivindicar o que somos e o que queremos e podemos aportar de xeito diferente para deixar un mellor legado aos que veñan despois de nós.
– Pode resumir nunha frase o espíritu dun día especial que debería resultar balsámico pra todos?
O 25 de Xullo é un día especial para Galicia, o noso País e o noso proxecto común, co que temos que comprometer a nosa mellor aportación, con matices, pero sen muros.