23 julio, 2024
1985.- O entón presidente da Xunta de Galicia, Gerardo Fernández Albor, inaugura o centro de produción e emisión de San Marcos no que supón o inicio das emisións da terceira televisión autonómica de España e en data que os oradores non dubidaron de cualificar de histórica para favorecer a normalización da lingua galega.
A transmisión do acto de inauguración, celebrado ás sete e media da tarde nunha chaira próxima ao centro de produción e baixo un sol de xustiza, supuxo o primeiro programa emitido pola nova canle autonómica, Televisión de Galicia, coa lectura dos discursos pronunciados polo xa citado presidente, polo seu vicepresidente e alma mater do proxecto, Xosé Luis Barreiro Rivas, e polo primeiro director da compañía, Luis Losada. O acto contou tamén coas actuacións do Ballet Galego Rey de Viana e a Banda de Música da Coruña.
Unha noticia, a da inauguración, saudada con gran alarde tipográfico pola prensa galega do momento, a excepción do diario de maior tirada de Galicia, que a ignorou, segundo recóllese na publicación As institucións galegas na Historia, editado pola USC en 2024.
O simbolismo da data, a véspera da celebración do Día de Galicia xa estivera presente con anterioridade, no ano 1971, na inauguración do Centro Territorial de RTVE en Galicia, tamén en San Marcos, a escasa distancia do que catorce anos despois promovería o Goberno galego.
Ardua foi a tarefa da UTE constituída para a construción do edificio, formada por Dragaxes e Construcións e por Pesa, que despois da adxudicación do contrat, o 18 de setembro de 1984, conseguiron a entrega do edificio en só nove meses.
Transcendental tamén na realización do proxecto foi Tomás Fernández Martín, especialmente na xestión da correspondente rede de emisores, de modo que puidese abarcarse todo o territorio galego. O director xeral de Medios de Comunicación, cun equipo de apenas catro persoas, houbo de vencer moitas dificultades. Políticas, pola oposición do Goberno central, socialista, a unha nova canle autonómica, tras a apertura dos catalán e o vasco. Iso traduciuse na negativa do director de TVE, o lalinense José María Calviño, a prestar axuda para a utilización conxunta das xa existentes instalacións da televisión estatal.
Pero tamén a inhibición das deputacións provinciais, fóra da de Ourense, á hora da tramitación de licenzas para os correspondentes tendidos de luz eléctrica ata os novos repetidores de sinal. Tampouco Fenosa axudou ao labor á hora de esixir conducións novas e independentes das xa existentes, en tanto que Autoestradas do Atlántico deu todo tipo de facilidades, así como o Concello de Santiago presidido por Xerardo Estévez.
Hoxe, a tan só un ano de cumprir o primeiros corenta de vida, e a pesar dos altos e baixos dunha programación que precisa unha maior adecuación á sociedade do momento, hai xeral aceptación entre docentes e mundo da cultura na inxente axuda que para a dignificación e normalización do galego representou a creación do citado centro de televisión.