25 julio, 2024
– O 25 de xullo é, quizáis, a data máis emblemática do ano en Santiago. ¿Qué representa para vostede?
Unha oportunidade perdida. Hai tempo que eliximos esta data como o Día de Galicia, para identificarnos como pobo, reivindicar a nosa forma de ser e de estar neste mundo, amosar a nosa lingua e a nosa cultura e ofrecer os nosos valores como sociedade aberta, positiva e tolerante. Porén, a nosa pegada minifundista non o permitiu e converteuno nunha xornada non laborable con actividades e manifestacións que, en lugar de unirnos, nos separan, nos fragmentan como sociedade e nos afastan dos nosos propios sinais de identidade.
– Ao marxe da xornada institucional, festiva e ofrenda real, ¿que supón o símbolo do Apóstolo e canto se atribúe a súa figura?
O Apóstolo foi o núcleo magnético que concentrou en Galicia persoas que conformaron a nosa esencia. Sen a súa figura, ou lenda, é probable que non seriamos quen somos, nin quen deberiamos ser. Dende a Idade Media, a figura do Apóstolo superou o ámbito do estritamente relixioso e ampliouse a unha espiritualidade máis ampla e universal. Malia iso, a representación dun Apóstolo belixerante, como o que preside o Concello compostelán, non axudou a que calquera persoa, e de calquera ideoloxía se sinta cómodo baixo o seu amparo. Recuperemos o apóstolo acolledor e universal, e todo o que pode representar.
– ¿Cre que en lugar de a Roma, agora todos os camiños levan a Santiago?
O século XXI está facendo que os fundamentalismos relixiosos en Europa, afortunadamente, sexan cada vez máis minoritarios e illados. A relixión do pobo é máis crible e atractiva que a relixión da xerarquía eclesiástica cada vez máis estreita, arraigada e reaccionaria, que representa dubidosadamente a mensaxe fundamental do cristianismo: caridade, solidariedade, compaixón e humanidade. O noso Camiño é máis universal e acolledor, mentres Roma segue representando (a pesar dos intentos dos novos ventos) unha igrexa máis retrógrada e conservadora. Benvidas sexan a Santiago todas as mulleres e homes de boa vontade, que crean no que crean, busquen una espiritualidade que nos faga mellores, máis humanos, compasivos e tolerantes.
– Esta xornada tamén está asociada a unha intensa xornada política, ¿identifícase con ela?
É difícil aceptar que os políticos e os seus partidos representen á sociedade que din defender. Os seus intereses céntranse máis en acadar maiores niveis de poder e influencia en beneficio propio, o que se traduce nun afianzamento nos propios programas e na súa incapacidade para chegar a acordos sobre aspectos clave que solucionen os problemas da maioría da poboación. As manifestacións, actos e diferentes mensaxes do 25 de xullo desvirtúan o obxectivo que debería ter esta data, e en lugar de unir, ábrense cada ano fendas máis separadas. Habería que despolitizar este día e obrigar aos políticos a descansar un pouco nos seus intereses. Mesmo a imparcialidade que debe representar a mensaxe do Rei vese desvirtuada cando se delega en destacados representantes dun ou outro partido político. Festas, orquestras, bailes, xogos, cultura e un bo polbo á feira serían solucións moito mellores.
– Nunha sociedade polarizada de todos contra todos, ¿como pode esta data axudar a unir antes que a pelexar?
Estamos polarizados ou nos polarizan? Cando tomamos un café cunha persoa radicalizada adoita recoñecerse no cara a cara que a súa mensaxe pública extremista e agresiva diminúe notablemente en intensidade e se albiscan puntos de acordo e coincidencias; como dicía dos carlistas Pío Baroja, “é un animal de crista vermella que vive no monte e de cando en vez baixa á chaira berrando “rediós!”, atacando ao home». A ignorancia da sociedade actual só se pode curar lendo e escoitando. Esta sociedade sen criterios propios é un magnífico caldo de cultivo para que os micro e macro influencers e os partidos políticos máis extremistas, a través do marketing dirixido, polarizen a sociedade en bandos irreconciliables que conseguen facer irrespirable o medio no que vivimos. Espero que o Apóstolo Santiago esqueza o seu perfil de Matamoros, e nos axude a reorientar os nosos obxectivos para, entre todos, acadar unha sociedade máis xusta e agradable na que vivir. A ilusión é o último que deberíamos perder.
– Pode fixar nunha frase o espiritu dun día especial chamado a ser balsámico para todos.
Celebremos todos xuntos o Día de Galicia.