23 julio, 2024
O Concello de Oroso recibiu hoxe a visita do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén Castro, quen se reuniu coa Asociación de Comerciantes «SigüeiroVende» nunha xuntanza de traballo destinada a informar e explicar as diferentes vías de colaboración que a Xunta de Galicia pon a disposición para promover o comercio local en Oroso.
Na reunión tamén participou o alcalde de Oroso, Alex Doval, quen destacou a importancia deste tipo de encontros para fortalecer e dinamizar o tecido comercial do municipio. «A colaboración entre as administracións e os comerciantes locais é esencial para fomentar un comercio de proximidade que sexa competitivo e atractivo tanto para os veciños como para os visitantes», sinalou Doval.
Gabriel Alén, pola súa banda, subliñou o compromiso da Xunta de Galicia co comercio local, destacando a importancia de iniciativas como estas para potenciar o desenvolvemento económico e social. Durante a xuntanza, detallou as distintas liñas de axuda e programas de apoio dispoñibles para os comerciantes.
A Asociación «SigüeiroVende» amosouse moi receptiva ás propostas presentadas e expresou o seu agradecemento pola atención e o apoio recibido por parte das institucións.