21 julio, 2024
Moi probablemente calquera persoa que teña algún tipo de uso ou relación con sistemas informáticos estea ao corrente do incidente mundial sufrido o 19 de Xullo.
Mais aló dos detalles técnicos relativos ao caso en si mesmo, e ao uso de sistemas baseados en Microsoft Windows e Crowdstrike como empresa especialista en aspectos de seguridade vinculados a Microsoft, seguro que xa están a xurdir moitos pensamentos e reflexións ao respecto.
Por suposto, no eido tecnolóxico, resulta sorprendente que, dada a cantidade e calidade do persoal técnico que teñen estas compañías, poidera ter ocurrido un erro destas características. Antes de poñer en produción calquera cambio, este ten que ser probado debidamente en contornas illadas e seguindo rigorosos procesos de xestión do cambio que son definidos e validados por humanos. Ademais, para calquera sistema de información considerado crítico, teñen que existir e funcionar axeitadamente arquitecturas de redundancia que poidan asumir o fallo nalgúns compoñentes, sen ter que chegar a una situación de perda completa do servizo. Estas arquitecturas tamén son definidas e postas en marcha por humanos. Por resumilo dalgún xeito: si que temos moita tecnoloxía ao noso arredor, pero non nos engañemos, os humanos seguimos estando involucrados dun xeito crucial no funcionamento satisfactorio -ou desastroso- dos sistemas que creamos e mantemos.
Por outro lado, quedou moi claro o elevado nivel de dependencia que as nosas vidas teñen, queiramos ou non, dos sistemas de información. A cantidade de sectores de actividade económica con dependencia tecnolóxica, moitos deles cruciais, non é só cada vez maior, senón tamén mais profunda. Este nivel de supeditación leva asociado un impacto económico directo: seguro que pronto empezaremos a ver noticias con estimacións de cálculos de horas de traballo perdidas e custos económicos de miles de millóns. Pero hai máis impactos que non deberiamos esquecer, aínda que non sexan tan fácilmente cuantificables. Vendo por exemplo a xente que onte quedou atrapada nos aeroportos, con retrasos moi significativos no mellor dos casos e cancelacións de voos nos peores, o impacto social e de saúde emocional tamén estiveron presentes.
E finalmente, o derradeiro pensamento que teño ao respecto do incidente é sobre a vulnerabilidade. Resulta, cando menos, curioso, que esteamos a construír sistemas -tecnoloxías- que nos poidan chegar a facer sentir tan vulnerables, en definitiva: indefensos. Se analizamos un pouco as orixes e a historia da evolución tecnolóxica, poderiamos pensar dalgún xeito que os humanos, como especie e no seu afán de superar os retos que nos presentaba o mundo, desenvolvemos una estratexia de crear “artefactos” que nos permitiran sobrevivir e facer a nosa existencia máis sinxela e pracenteira -incluindo, por suposto, a práctica eliminación da necesidade do esforzo físico-. Visto o de onte, parece que a miña avoa -e o refraneiro- tiña moita razón cando me decía: “meu meniño: ‘A cabra, co vicio, no cu dá cos cornos’”.
No noso afán por ter una vida menos complexa, onde cada vez mais cousas poidan ser obtidas con menor esforzo, a nosa existencia tornouse, por unas horas, mais complicada -case imposible ter una tarxeta de embarque-; menos satisfactoria -incluso estresante- e decididamente, completamente fóra do noso control; totalmente vulnerables en moitas das nas nosas actividades cotiás. E todo por culpa -ou iso parece- dunhas liñas de código feito por alguén da empresa Crowdstrike que resultou ser crítico para poder iniciar sesión segura nos ordenadores con sistema operativo Microsoft Windows en case todo o mundo.