15 julio, 2024
1885.- Fina na sua casa da Matanza, en Padrón, a grande escritora das letras galegas Rosalía de Castro.
Rosalía de Castro, di a Real Academia Galega resumindo a sua biografía, comparte a responsabilidade do Rexurdimento con Eduardo Pondal e Curros Enríquez, mais, sobre todo, é unha figura fundacional na nosa literatura: o Día das Letras Galegas celébrase o 17 de maio nunha homenaxe á data de publicación do seu primeiro libro en galego Cantares Gallegos.
Naceu o 23 de febreiro de 1837 no antigo concello de Conxo, hoxe Santiago de Compostela. Súa nai, María Teresa de la Cruz de Castro y Abadía, proviña dunha familia fidalga vida a menos. A súa paternidade atribúese a José Martínez Viojo, crego de profesión; e o seu coidado, durante a nenez, ás tías paternas. Con todo, non existen probas que avalen estas afirmacións, aínda que si sabemos da infancia leda de Rosalía nas vilas de Ortoño e Padrón, pois así o lembra a autora nun dos seus poemas de Cantares Gallegos. Posteriormente, arredor do ano 1850, nai e filla trasládanse a Santiago de Compostela. Na cidade comeza a recibir formación musical e literaria na Sociedad Económica de Amigos del País e participa nas actividades do Liceo de la Juventud, lugar de encontro dos intelectuais comprometidos co movemento provincialista.
En 1856 Rosalía marcha a Madrid, onde vive cunha curmá. As súas primeiras obras comezan entón a ver a luz: o libro de poemas La Flor, en 1857, e a novela La hija del mar, en 1859. En 1858 casa co excelso investigador Manuel Murguía. Ao ano seguinte ambos regresan a Galicia no que será o inicio dunha vida itinerante, debido aos cargos de funcionario de Murguía, que levarán á parella e aos seus once fillos a vivir en diversos lugares.
A década de 1860 foi un período de efervescencia intelectual e política na que Rosalía e Murguía participaron seguindo a corrente federalista e republicana. Neste contexto, no ano 1863, a autora publica Cantares Gallegos, marcando o inicio do Primeiro Rexurdimento. Rosalía era xa unha escritora profesional que colaboraba en diversas publicacións, ao tempo que atendía as obrigas familiares entre Castela e Galicia, onde se instalará definitivamente na década dos 70. O seu derradeiro libro de poemas en galego, Follas Novas, foi publicado en 1880.
En castelán publicou La flor (1857), A mi madre (1863), En las orillas del Sar (1884) e a novela El caballero de las botas azules (1867), todas elas encadradas no movemento romántico.
A existencia de Rosalía estivo sempre marcada polos problemas económicos, derivados da inestabilidade laboral de Murguía, e pola súa feble saúde. Un cancro remataría coa vida da autora o 15 de xullo de 1885, dez anos despois de instalarse en Padrón. Os seus restos repousan actualmente no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval.
1494.- Sentencia dada en Valladolid por los Reyes Católicos sobre pleito entre el arzobispo y el Concejo de Santiago por jurisdicción temporal; Se concede que la ciudad señale 12 personas de entre las que el arzobispo elegirá las dos que tengan el oficio de alcaldes.