29 mayo, 2024
O cronograma de labores de roza de vexetación de cara á prevención de incendios no verán e á eliminación de matogueira en camiños, beirarrúas e espazos públicos foron algúns dos asuntos que se nabordaron no encontro mantido entre concelleira de Relacións Veciñais e Rural, Pilar Lueiro, e os representantes da Federación de Asociacións Veciñais do Rural de Santiago (Ferusa).
«O Concello quere consensuar coa veciñanza as prioridades para manter a vexetación controlada á beira de zonas de tránsito e nos espazos públicos municipais», explicou Lueiro.
Así, a pesar de que a Ferusa acordara en asamblea comezar as rozas nesta ocasión pola zona norte e llo trasladou á concelleira hai semanas, na reunión mantida comentouse a necesidade de continuar coa orde acordada en anos anteriores porque «a climatoloxía favorece que medre con máis rapidez na zona sur e así o mostran as demandas que chegan ao departamento nos últimos días», destacou o Concello.
Nesta liña, Pilar Lueiro aproveitou para facer un chamamento á veciñanza para que proceda tamén á roza das súas parcelas de cara á prevención de incendios.
«Este labor de mantemento debe ser continuado no tempo e, para iso, debe haber unha prioridade para utilizar os recursos da maneira máis eficiente, para o que está aberta a canle de colaboración coas asociacións veciñais, de cara a elaborar e manter actualizado este calendario para incluír novos espazos que se estimen necesarios ou mesmo aqueles onde sexa preciso reforzar os labores de roza de vexetación nesta tempada. Isto conxugarase cun criterio técnico para supervisar e determinar a orde de intervencións», afirman dende Raxoi.