26 mayo, 2024
O Concello de Vilagarcía continúa apostando forte pola modernización e potenciación dos mercados de abastos municipais. As importantes actuacións desenvolvidas nos últimos anos nas prazas de abastos de Vilagarcía e Vilaxoán implementaranse nos vindeiros meses con dous novos investimentos promovidos pola Concellería de Promoción Económica e que acaban de saír a licitación. Trátase do subministro da maquinaría de frío para a Praza de Abastos de Vilaxoán e o acondicionamento do Praza da Verdura de Vilagarcía. En conxunto os investimentos suman 175.070 euros.
A actuación máis importante polo seu orzamento é a que afecta ao pavillón da verdura. Licítase por 174.240 euros que se financian cos fondos Next Generation, no marco do proxecto de Mellora, Revitalización e Resiliencia dos Mercados Tradicionais e das Zonas Comerciais Urbanas do programa Vilagarcía Viva. Os traballos a realizar teñen como obxectivo mellorar o conxunto da instalación como medio para fomentar os hábitos saudables e a economía circular e suporán o inicio dunha intervención máis ampla que se irá completando con fases posteriores. Nesta, os traballos centraranse en resolver o problemas e carencias máis urxentes que presenta o edificio, tanto no interior como no exterior.
O proxecto redactado polo arquitecto Alberto Redondo -o autor do deseño da nova Biblioteca- prevé a rehabilitación dos aseos públicos, incluíndo a renovación de todas as instalacións e a construción dun aseo adaptado á normativa de accesibilidade. Co obxecto de gañar luminosidade no interior do edificio e de que a actividade poida visualizarse dende o exterior, abriranse novos ocos na fachada que permitan a entrada de luz natural. Para incidir neste efecto de luminosidade no interior tamén se pintarán os paneis do teito da estrutura vista da cuberta.
Tamén se prevé a substitución da instalación de evacuación das augas pluviais da cuberta por unha nova situada na parte externa que evite a entrada de auga ao interior do edificio. O aleiro exterior que bordea as fachadas substituirase debido ao mal estado de conservación que presenta e que é a causa de filtracións. Ademais, repararanse e rehabilitaranse as fachadas, que se limparán e pintarán como paso final da obra. Por último, substituiranse as portas do edificio.
O segundo contrato que vén de licitarse é o do subministro e instalación de equipamentos frigoríficos para a Praza de Abastos de Vilaxoán. A medida, que xa fora anunciada polo alcalde durante a vista realizada ao edificio para comprobar o resultado das obras de remodelación levadas a cabo, supón un investimento de 27.830 euros e permitirá renovar toda a maquinaria existente. O contrato inclúe a adquisición de tres cámaras frigoríficas: unha para froitas, outra para a carne e unha terceira para peixe que se colocará debaixo do mesado das pescantinas.O contrato tamén inclúe unha vitrina expositora con frío ventilado para exhibir produtos de carnicería e charcutería.