25 mayo, 2024
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, destacou hoxe na celebración do Día do Mercado o pulo que a Xunta está a darlle ás prazas de abastos de Galicia, sinalando que son espazos dinamizadores da economía local e xeradores de emprego.
González, que estivo acompañado entre outros polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, acudiu ao mercado da capital ourensá para celebrar esta xornada que coincidiu co desenvolvemento da campaña internacional Quere o teu mercado, na que en Galicia están a participar 900 profesionais e 41 prazas, entre elas a de Ourense. A iniciativa busca promover os mercados e prazas de abastos, incentivar o consumo de produtos frescos e poñer en valor a compra de proximidade e a profesionalidade e bo facer das praceiras e praceiros, en liña cos programas autonómicos que se están a executar neste eido.
Ao respecto, o conselleiro destacou que o Goberno galego aposta “con contundencia” por potenciar as prazas garantindo as condicións óptimas de accesibilidade e adecuación das súas instalacións, favorecendo tamén a celebración de actividades complementarias. Así, impulsará nesta nova etapa o Selo de Mercado Excelente co que o Goberno galego recoñece ás prazas de abastos e mercados que están a responder aos retos de modernización e innovación sen perder a súa autenticidade e tradición, a súa proximidade e trato personalizado.