24 mayo, 2024
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa informa que nos vindeiros días celebraranse diversos actos para clausurar o curso 2023-2024 das escolas culturais municipais. Dende o pasado mes de outubro a oferta centrouse na danza, pintura e fomento da lectura.
Por unha banda, durante os pasados oito meses impartíronse clases de danza moderna para menores e de bailes afrolatinos para persoas adultas nas que participaron máis de 60 participantes. Este sábado, 25 de maio, celebrarase o festival de fin de curso das escolas municipais de Danza Moderna cunha exhibición na que participarán os seus dous grupos infantís xunto con outras aulas convidadas de Arzúa e Melide. Será no Polideportivo de O Viso ás 18:00 h.
No presente curso tamén se levaron a cabo dous grupos da Aula Municipal de Pintura contando con máis de 20 persoas nas tardes dos mércores. Neste caso, o vindeiro xoves 30 de maio inaugurarase unha exposición con diversos traballos tanto do grupo infantil como do grupo de persoas adultas. O acto de inauguración terá lugar na Capela da Madanela ás 19:00 h. e a mostra poderá visitarse ata o día 15 de xuño.
Por útlimo, outra das porpostas foi o Club de lectura municipal «Arzúa Le» que encaraba o seu segundo curso consecutivo desde a súa creación cun novo éxito cubrindo a totalidade das prazas ofertadas enchendo os dous grupos con máis de 30 persoas. Ademais, paralelamente, durante todo o curso organizáronse diferentes actos e presentacións literarias entre as que destacan a da última publicación de Pedro Feijoó no pasado mes de febreiro e o 1º Encontro literario que se fixo no mes de abril.
O concelleiro de cultura, José Luís García, amosábase esta mañá moi satisfeito «polos resultados das diferentes escolas durante o curso contando todas elas cunha grande aceptación» e animaba á veciñanza a achegarse aos diferentes actos de clausura «para compartir co alumnado un tempo de lecer e convivencia valorando o traballo e a evolución nas diferentes actividades».