16 mayo, 2024
O importante crecemento na demanda do servizo de autobus ao aeroporto levará ao Concello a promover a súa reconfiguración. Así o anunciou en rolda de prensa o concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro, quen estivo acompañado polo xerente de Tussa, José Ramón Mosquera.
Así, o edil explicou que «as liñas que chegan ao aeroporto volven estar moi tensionadas, con moitas expedicións nas que os autobuses completan a súa capacidade provocando prexuízos aos veciños e veciñas». Segundo sinalou, «nas últimas semanas esta situación estase a producir nunha media de 6 servizos diarios, que soben ata 10 os sábados e ata 8 os domingos».
Nesta liña, Duro mencionou a existencia de casos nos que os autobuses completan o número de prazas dispoñibles «xa nas primeiras paradas, de maneira que algunhas usuarias que agardan nas súas paradas non teñen opción a utilizar o servizo cos conseguintes prexuízos para a súa vida cotiá e a perda de fiabilidade no servizo», unha situación, explicou, que «vense repetindo desde finais de 2020, cando o Concello tivo que asumir a liña unha vez que a Xunta deixou de prestar o servizo da conexión ao aeroporto» e que no último tempo vense agravando polo incremento da actividade no aeroporto compostelá.
Precisamente, según datos do propio Concello, entre xaneiro e abril, o servizo de bus ao aeroporto foi utilizado por máis de 100.000 usuarios e usuarias, fronte aos 86.000 do mesmo período de 2023.
REESTRUTURACIÓN
O desdobramento da liña 6A será a principal iniciativa para mellorar o servizo para a cidadanía, de forma que realice servizos directos entre a intermodal e o aeroporto, cun percorrido sen paradas intermedias que partirá do centro urbano e que discorrerá unicamente por vías de alta capacidade co obxectivo de «que os usuarios e usuarias da terminal de Lavacolla utilicen este servizo, descargando a presión sobre a liña que lle debe dar servizo á veciñanza».
Ao tempo, manteránse servizos que atravese o ámbito urbano, dándolle servizo aos núcleos rurais de San Marcos e Lavacolla e respectando as actuais paradas, isto é: estación intermodal (rúa do Hórreo), Hórreo, Virxe da Cerca, San Roque, Pastoriza, Avenida de Rodríguez de Viguri, San Lázaro, San Marcos e Lavacolla, para finalizar no aeroporto.
Por outra banda, para optimizar o servizo e evitar sobrecargas, «as paradas desde a intermodal ata San Marcos, en dirección Lavacolla, serán só para recoller usuarios e usuarias, mentres que no traxecto inverso, as paradas desde San Marcos ata o Hórreo serán exclusivamente para deixar viaxeiros e viaxeiras», apuntou o Concello.
Desta maneira, tal e como explicou o xerente de Tussa, «preténdese que as persoas que só queiran desprazarse pola trama urbana utilicen a liña 6 pero non a 6A, garantindo que estes autobuses cheguen con prazas dispoñibles a San Marcos e Lavacolla».
Coa posta en marcha deste sistema, o próximo día 24, deixarase un periodo de adaptación de 15 días, para informar á veciñanza do funcionamento.
A reorganización do servizo implicará tamén modificacións nas frecuencias. Así, de luns a venres, tanto os buses que realicen a liña de maneira directa como os que fagan paradas na trama urbana terán unha frecuencia de 40 minutos, se ben está previsto que saian de maneira alterna de maneira que a frecuencia da liña 6A será de 20 minutos. Nos sábados, domingos e festivos, o servizo directo entre a intermodal e Lavacolla terá unha frecuencia de 60 minutos; mentres que o servizo con paradas terá frecuencias de 20 e 40 minutos. Na práctica, iso supón que a frecuencia da liña 6A será de 20 minutos, fronte aos 30 minutos da actualidade. As tarifas mantéñense tal e como están establecidas para o conxunto da rede do transporte urbano.