15 mayo, 2024
Falar do cancro anaplásico de tiroide supón referirse a un dos tipos máis agresivos e devastadores de esta enfermidade, ofrecendo actualmente poucas opcións de tratamento efectivas e rexistrando unha taxa de supervivencia de cinco anos de apenas o 5%.
Con todo, un novo estudo realizado por persoal da universidade compostelá abre a porta cara a unha terapia innovadora. Trátase dunha investigación realizada por persoal investigador do Centro de Investigación en Medicina Molecular (CIMUS) e do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), ambos os dous pertencentes á Universidade de Santiago de Compostela (USC) e ao Instituto de Investigación Sanitaria Galicia (IDIS), dirixidos por Clara Álvarez, do grupo Neoplasia&Endocrine Differentiation do CiMUS da USC, e José Cameselle, do Servizo de Patoloxía do CHUS.
Dito estudo, publicado na prestixiosa revista Nature Communications, ven de identificar un axente terapéutico, PIAS2b-dsRNAi, que elimina selectivamente as células cancerosas anaplásicas de tiroide sen afectar as células sas ou a outros tipos de cancro de tiroide de curso benigno.
“Este achado representa un avance significativo na loita contra esta enfermidade tan desafiante”, apunta Clara Álvarez. Ademais, “supón un enfoque totalmente novidoso para tratar o cancro anaplásico de tiroide. O uso de PIAS2b-dsRNAi baséase en ter identificado que unha das diferenzas entre o cancro anaplásico e as células normais, que á súa vez é esencial para a súa proliferación, podería ser utilizada como o seu talón de Aquiles”, tal e como afirma José Manuel Cameselle.
Así, o persoal investigador descubriu que unha enzima chamada PIAS2b desempeña un papel crucial na supervivencia das células anaplásicas de tiroide. «A diferenza das células normais ou doutros tipos de cancro, as células anaplásicas dependen de PIAS2b para a súa división. Este descubrimento brindou a oportunidade de deseñar unha terapia dirixida que atacara especificamente esta enzima clave», sinala a USC.
Foi diseñado un axente terapéutico baseado en ARN de dobre cadea (dsRNAi) transcrito in vitro, denominado PIAS2b-dsRNAi, o cal actúa como unha molécula mensaxeira inversa, silenciando a expresión da enzima PIAS2b dentro das células anaplásicas. Como resultado, estas células perden a súa capacidade de división e morren nun proceso coñecido como catástrofe mitótica.
A eficacia de PIAS2b-dsRNAi avaliouse rigorosamente no laboratorio utilizando cultivos de células de pacientes con cancro anaplásico de tiroides en comparación con células normais, benignas ou doutros tipos de cancro con bo prognóstico. “Os resultados demostraron que o axente terapéutico era altamente selectivo, eliminando exclusivamente as células anaplásicas sen afectar as células sas”, segundo explica a investigadora do CiMUS da USC.
Para avanzar na avaliación de PIAS2b-dsRNAi, os investigadores deseñaron ensaios preclínicos in vivo. Implantáronse tumores de pacientes con cancro anaplásico de tiroide en ratos e comparáronse os resultados dos animais tratados coa terapia fronte a un grupo control. Os tumores tratados con PIAS2b-dsRNAi deixaron de medrar, o que proporciona unha evidencia preclínica sólida do potencial terapéutico deste axente.
Con todo, esta investigación non se limitou ao cancro anaplásico de tiroide. Os estudos demostraron que PIAS2b-dsRNAi tamén era eficaz na eliminación de células cancerosas anaplásicas doutras localizacións, como páncreas, pulmón ou estómago. Esta versatilidade abre a porta a aplicacións máis amplas no tratamento de diversos tipos de cancro anaplásico.