11 mayo, 2024
Na véspera do día no que se cumpren 216 do levantamento do pobo de Vilagarcía contra a invasión francesa, o alcalde, Alberto Varela, e membros do goberno local visitaron esta mañá a Praza da Independencia para poñer en relevo o que é un dos episodios máis destacados da historia da cidade. A celebración desta efeméride fíxose coincidir co remate dos traballos de restauración da placa que dende 1908 conmemora o centenario deste feito histórico no mesmo lugar no que se producira o 12 de maio de 1808, a Praza do Mercado, rebautizada posteriormente como Praza da Independencia.
Varela argumentou a actuación promovida polo Concello como unha máis das medidas que se están a levar a cabo para recuperar e preservar o patrimonio cultural da cidade, e tamén na necesidade de dar a coñecer e poñer en valor a historia de Vilagarcía. “Todo pobo ten o dereito, pero tamén o deber, de coñecer a súa historia, porque iso nos axuda a comprender de onde vimos e tamén a mellorar o futuro”. “E no caso de Vilagarcía –proseguiu- este feito en concreto nos identifica e singulariza, concedéndolle aínda más atractivo á nosa cidade”.
Recoñecemento do papel de López Ballesteros
O alcalde aproveitou o acto para anunciar que a próxima actuación de recuperación do patrimonio histórico e cultural que vai a promover o Concello será a restauración do escudo da casa de Luis López Ballesteros. Aínda que a peza formaba parte dunha edificación situada na rúa Padre Feijó, Varela explicou que o escudo colocarse tamén na Praza da Independencia dado o papel clave que o militar vilagarcián tamén desempeñou nos actos que concluíron coa proclamación da independencia de Vilagarcía fronte á invasión francesa e na resistencia durante a posterior guerra. Vilagarcía foi a primeira cidade de Galicia en levantarse contra as tropas napoleónicas, motivo polo cal, un ano despois toda a zona sufriu unha dura represalia por parte do exército invasor.
71 letras reconstruídas unha a una
Debido ao paso do tempo, a placa conmemorativa do primeiro centenario se atopaba moi deteriorada e apenas era lexible, razón pola cal o Concello encargou os traballos de limpeza e restauración a Iria López. A restauradora explicou que o máis complicado do proceso foi reconstruír as letras que compoñían o texto, xa que faltaban varias pezas completas ou anacos das mesmas. Como se trata de carácteres independentes, tivo que fabricalos un a un e de forma artesanal. Para isto, primeiro tivo que facer un calco da placa e, a partir del, realizar un molde individual de cada letra. Os carácteres fabricounos mediante fundición de chumbo, material maleable que permitiu moldear as pezas á hora de volver a encaixalas nos respectivos ocos da placa de mármore.
O traballo rematou coa reconstrución dos embellecedores de temática floral que decoran as esquinas da lousa e cos que ocultan os parafusos que fixan o mármore ao monólito que a sustenta. Estas pezas fabricáronse en resina.
12 de maio, un día sinalado para Vilagarcía
A alcalde non deixou pasar por alto a relevancia que o 12 de maio ten para Vilagarcía e a súa historia, xa que nese mesmo día do ano 1441 asinábase a Carta Puebla pola que o Señor García de Caamaño fundaba Vilagarcía a partir dun pequeno núcleo mariñeiro.