8 mayo, 2024
O Consello Municipal de Mocidade xa conta cun novo regulamento de funcionamento interno, publicado na xornada de onte pola Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude e que virá a actualizar unha normativa vixente dende o ano 2001, algo que que facía necesario a súa adaptación «non só ás novidades lexislativas senón tamén á realidade social actual, máis heteroxénea e na que existen novas canles de participación que non tiñamos hai 20 anos», tal e como destacou a concelleira María Rozas.
En comparecencia de prensa, a tenenta de alcadesa lembrou que «impulsar a participación cidadá é un dos obxectivos que nos marcamos ao comezo do mandato» polo que dende o goberno local búscase recuperar a actividade dos Consellos Municipais, «mesmo daqueles que levaban máis tempo sen reunirse»,
No caso do de Mocidade, que non se convocou desde hai máis dunha década, María Rozas salientou que «partíamos dun regulamento que está a piques de cumprir 23 anos, e que consideramos que non é acaído á realidade actual». Ademais, apuntou, era preciso adaptar tamén o Consello á nova lexislación, en particular á Lei da Xuventude de Galicia de 2012.
Este órgano terá como obxectivo «ser espazo de encontro e coordinación entre o Concello e a mocidade compostelá, para favorecer a súa participación activa na vida pública e para canalizar as súas demandas e intereses», según destacou Rozas, apuntando que «é evidente que os mozos e mozas teñen interese en expresárense e en ter voz. A nosa vontade é a de darlle as ferramentas que precisan para iso».
NOVIDADES
Os novos puntos introducidos neste regulamento afectarán principalmente a dúas frentes: primeiro, á composición do propio Consello na busca de que esta sexa o máis heteroxénea posible, e segundo, á apertura das súas sesións para a participación pública.
Así, o regulamento introduce cambios significativos na composición do consello. Agora, os centros educativos, así como a Universidade, terán un papel máis relevante na representación da mocidade residente na cidade. O consello contará cun mínimo de cinco vogalías ocupadas por mozos e mozas de 14 anos en adiante, escolarizados en niveis de educación secundaria, bacharelato ou formación profesional. Cada centro educativo elixirá un representante e un suplente, pero estes non representarán ao centro, senón á súa franxa de idade ou ao barrio. A Universidade tamén terá presenza no consello, con dous representantes designados polo goberno da USC e polo Consello do Estudantado. Ademais, haberá catro vogalías para entidades xuvenís rexistradas no concello e unha persoa representante da comunidade usuaria do Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga. A composición completa inclúe representantes políticos, con presidencia rotativa, e unha secretaría designada polo Pleno.
Por outra banda, a nova regulamentación establece que as sesións do Consello Municipal de Mocidade serán abertas á participación pública, con voz pero sen voto, de todas as persoas con idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos. O obxectivo, explicou María Rozas, «é contar con máis perspectivas nos asuntos que lle interesan á xuventude, para que os debates sexan máis enriquecedores». Este tamén establece que o Pleno do Consello se reúna en sesión ordinaria con carácter semestral, así como que poida acordar a constitución de comisións de traballo temporais ou permanentes para estudar os asuntos que son competencia do órgano e facer propostas de actuación.