1 abril, 2024
O estadio Vero Boquete acollerá o próximo día 4 de maio o I Torneo Tuxeleires de Rugby Inclusivo, unha iniciativa promovida pola Escola de Tempo Libre Don Bosco en colaboración co Barbanza Rugby Club e co apoio do Concello de Santiago.
A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, acompañada de Xabier Vidal Unzurrunzaga, técnico do proxecto Tuxeleires, e Ángeles Barral Ponte, presidenta do Club, presentaron esta competición que converterá á capital compostelá no «epicentro deste deporte» e na que será a actividade de rugby inclusivo máis grande de Galicia e o terceiro evento máis grande de todo o estado.
«É unha ledicia poder colaborar na organización deste evento, que esperamos repita con moitas máis edicións, que nos serve tamén para erguer orgullosas a bandeira da inclusión no ámbito deportivo, un compromiso firme para Santiago e un valor fundamental do deporte», destacou a concelleira
Así, nesta xornada participarán un total de 150 mulleres e homes con e sen discapacidade maiores de idade de todo o estado que xogan ao rugby inclusivo, unha modalidade nacida hai apenas unha década e que non para de crecer, tal e como reflexa a creación incesante de clubs que fan súa esta disciplina. Na actualidade hai no estado aproximadamente 25 equipos destas características.
O torneo acollerá a participación de 7 equipos chegados de 6 clubs de todo o estado nunha data histórica para o rugby galego. Enfrontaranse os equipos de rugby inclusivo de Kubota O Salvador (Valladolid), Club de Rugby Ávila (Ávila), Crat Sharks (A Coruña), Tuxeleires (Santiago de Compostela), Rugby All Llanera (Llanera) e Incluindus (Madrid). Estos competirán nunha primeira fase de grupos para despois disputar outra de cruces.
O horario da competición será desde as 10:30 ata as 15:00 horas, proseguindo co mítico terceiro tempo que se celebra no rugby.