26 abril, 2024
A segunda proba do Campionato Nacional de Enduro chegará á capital compostelá do venres 26 ao domingo 28 de abril, con todo un espazo de circuítos que estarán dispostos na contorna do Estadio Verónica Boquete e acollerán á elite a nivel nacional deste deporte.
A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, presentou esta proba nunha rolda de prensa á que se uniu a subdirectora da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta, Belia Médez, e o presidente da Federación Galega de Motociclismo, José Camba, e que contou coa presenza de varios dos pilotos participantes na proba.
Lueiro afirmou que «Santiago se convertirá esta fin de semana na capital do enduro» xa que «participarán pilotos cun gran palmarés» polo «que serán unhas xornadas espectaculares para quen guste do motor» e tamén convidou á veciñanza a asistir ás probas «con prudencia e sempre respetando todas as medidas de seguridade».
Santiago será a segunda das citas dun campionato nacional que comezou en Antas en marzo e esta seguida por outras probas que terán lugar ao longo deste ano en Cartagena, Infiesto, Cózar u Obejo.
Esta cita, que consta de varias categorías (supertest, extreme test, enduro test, e cross test), arrincará o venres ás 19:30 horas da tarde co habitual supertest situado xunto ao paddock, nos exteriores do estadio, mentres que, sábado e domingo, desde as 09:00 da mañá, os pilotos participarán nas modalidades de extreme, enduro e cross.
O Gran Premio de España está organizado polo Moto Club Móvete na Moto coa colaboración das Federación Galega de Motociclismo e conta co apoio do Concello de Santiago, Deputación da Coruña, Deporte Galego, a Xunta de Galicia, a Policía Nacional e Local, a Garda Civil e Protección Civil de Santiago.