19 abril, 2024
A alcaldesa, Lucía Calvo de la Uz, recibiu hai dous días aos karatecas do Club San Francisco dos Tilos -Xavier Santos Veiga e Ruth Lorenzo Couso- para felicitalos polos premios alcanzados no Campionato de España de Kárate, na modalidade de kumite.
Cómpre lembrar que Xavier Santos proclamouse campeón nacional, na categoría de -67 kilos, logrando o primeiro ouro da historia para o kárate galego na categoría absoluta. A súa compañeira, Ruth Lorenzo, que participou na categoría de -55 kilos, logrou a medalla de prata.
Neste senso, a alcaldesa puxo en valor este triunfo que pon ao Concello de Teo no mapa do deporte nacional e felicitounos polo gran traballo que realizan, grazas ao cal son máis que merecedores dos triunfos acadados ata o de agora.
A rexedora municipal tamén aproveitou a ocasión para felicitar ao seu entrenador, Óscar Lafuente, pola súa dedicación e entrega co alumnado do club, o cal xa leva máis de vinte anos en activo.