19 septiembre, 2024
O vindeiro 5 de outubro, o Centro Xove de Creación Cultural de Santiago de Compostela converterase nun foro de debate para a mocidade coa celebración da xornada «Mover os Marcos». Esta iniciativa, impulsada pola Área de Cultura da Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Santiago e organizada por Culturactiva S. Coop, ten como obxectivo ofrecer un espazo de reflexión no que a xuventude poida abordar cuestións cruciais para o presente e o futuro da sociedade galega.
O evento reunirá a preto de 30 espazos de conversa centrados en temas como as relacións sociais, a saúde mental, o medio ambiente, o deporte, o rural, a literatura ou a tecnoloxía. Estes diálogos, que buscarán xerar un intercambio directo entre os participantes e o público, contarán coa presenza de recoñecidos creadores e activistas xuvenís como Mondra, Nuria Vil, Alba Mancebo, TodoMal.gal, Leti da taberna, Pradorua, Olaxonmario, entre outros.
Un dos principais alicerces do proxecto é a promoción dun diálogo horizontal no que a mocidade non só sexa espectadora, senón protagonista activa das discusións. Así, espérase que o encontro se converta nun espazo onde os asistentes poidan expresar as súas ideas, compartir experiencias e buscar solucións colaborativas aos retos que enfrontan como xeración.
Como antesala ao encontro, o 3 de outubro terá lugar unha xornada previa na Sala Capitol de Santiago de Compostela, onde o público poderá gozar dos concertos de Alana e Momboi. Este preludio cultural pretende quentar motores para as actividades do día 5, e reforzar a importancia de integrar a arte e a cultura no proceso de transformación social. As entradas para ambos os dous eventos son de balde e xa están dispoñibles a través da plataforma Eventbrite.
CREATIVIDADE XUVENIL
Na presentación da xornada, que tivo lugar hoxe en Santiago, a alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín, destacou a relevancia de iniciativas coma esta para dar voz á mocidade e visibilizar o seu papel como motor de cambio. “Santiago é un centro de efervescencia de ideas e transformación, e por iso resulta o escenario ideal para un proxecto coma este”, afirmou a rexedora. “Este encontro é o resultado dunha traxectoria na que a Área de Cultura da Deputación leva anos apostando por mover os marcos e dar voz á mocidade creadora. Debemos escoitar ás novas xeracións, porque están facendo preguntas esenciais e propoñendo solucións innovadoras cun gran impacto para a sociedade”, engadiu Sanmartín.
Natividade González, deputada de Cultura, tamén subliñou a importancia desta iniciativa para a Deputación da Coruña, sinalando que «existe unha nova xeración que xa está a protagonizar un cambio profundo no xeito de vivir e de sentir Galicia». Segundo González, a clave deste cambio está en «mover os marcos mentais que, en ocasións, nos impiden avanzar como sociedade». En definitiva, este evento pretende ser unha plataforma que visibilice o talento xuvenil e as súas propostas para un futuro máis humano e sostible.
PARTICIPACIÓN E DIÁLOGO ABERTO
Sara Fraga, xestora cultural e unha das participantes no programa, referiuse á música e ao baile tradicional como un exemplo de respecto e horizontalidade, valores que están na esencia de «Mover os Marcos». Segundo Fraga, “a mocidade adoita ser a que escoita, pero nesta ocasión seremos nós quen teña o micro e a oportunidade de trasladar as nosas ideas”. Este enfoque participativo será unha constante ao longo da xornada, que busca promover un diálogo inclusivo no que as diferentes voces poidan ser escoitadas e valoradas.