18 septiembre, 2024
Entre os días 25 e 27 de setembro, o Salón de Actos da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acollerá as I Xornadas de Pratería e Acibechería compostelás, un evento que pretende achegar o mundo académico a estas artes tradicionais tan ligadas á historia e á cultura da cidade. A inscrición é gratuíta e pódese realizar a través do enderezo electrónico xornadasdeprateria@gmail.com.
As xornadas, organizadas polo grupo de investigación Iacobus da USC en colaboración coa Asociación de Artesáns e Comerciantes Ourives de Compostela, forman parte dos ‘Monográficos Iacobus’, un ciclo de cursos e seminarios dedicados á arte e ao patrimonio cultural galegos. Nesta edición, o foco estará na pratería e no acibeche, dúas artes que forman parte da identidade de Compostela dende a súa fundación e que están intrinsecamente ligadas ao Camiño de Santiago.
Nos últimos anos, Ourives de Compostela vén impulsando actividades dentro do Plan Estratéxico da Ourivería e Acibechería de Santiago (2019), co obxectivo de fomentar a investigación científica nestes oficios en colaboración con especialistas da Universidade.
O programa das xornadas inclúe dez conferencias impartidas por recoñecidos investigadores e colaboradores do grupo Iacobus, entre eles Ramón Yzquierdo Peiró, director do Museo da Catedral de Santiago; Diana Dúo Rámila, do Museo de Pontevedra, e profesores como Mª Dolores Barral Rivadulla, David Chao Castro, Sara Carreño López, e outros expertos en arte e patrimonio cultural.
Ademais das conferencias, haberá actividades complementarias como visitas guiadas ás coleccións do Museo da Catedral de Santiago e ás exposicións ‘O legado Ángel’ no Colexio de Fonseca e ‘Las Edades del Hombre: Hospitalitas’ en San Martiño Pinario. Tamén se celebrará unha mesa-debate titulada ‘Pasado, presente e futuro do sector da artesanía en Santiago de Compostela’, que contará coa participación de figuras clave do sector artesanal como Enrique Fink, de Ourives de Compostela; Elena Fabeiro, de Artesanía de Galicia, e Mónica Cao Pereira, de MOCAO Artesanía.
Nestse senso, un dos momentos máis esperados das xornadas será a demostración en vivo de técnicas tradicionais de pratería e acibechería, que terá lugar na praza de Mazarelos, onde artesáns locais amosarán ao público o seu traballo.